jueves, 28 de mayo de 2009

A NOSA BIBLIOTECA EN "PÁGINA 2"














O espazo da Biblioteca Central da Universidade de Vigo foi elixido polo equipo de página 2 para gravar a presentación de dous dos seus programas. Entre os estantes que vedes na foto movíase o seu presentador Óscar López avanzando o contido do que se emitirá este domingo. As que casualmente asistimos á gravación, coñecedoras deste espazo (o televisivo e o bibliotecario) sentímonos realmente encantadas coa presenza do equipo deste programa na nosa biblioteca, e ao tempo coa presenza da nosa biblioteca neste programa.

página 2 é un programa de libros que emite a 2 os domingos ás 8:30. Orixinal, dinámico, actual... xeralmente realizan as súas presentacións dende algunha biblioteca española. Non é estraño que decidisen pasar por aquí; a Biblioteca Central (dos arquitectos A. Noguerol e P. Díaz) é realmente un espazo singular por dentro e por fóra, de feito, foi seleccionada para varios premios arquitectónicos, é un dos cinco edificios galegos incluídos no "Atlas Phaidon de arquitectura mundial contemporánea" ("The Phaidon Atlas of contemporary world architecture" e é lugar de visita de numerosos arquitectos, estudantes de arquitectura e curiosos.

En realidade, o Campus Lagoas-Marcosende (Vigo) é un catálogo de arquitectura contemporánea. Arquitectos de recoñecido prestixio deixaron e deixarán (xa hai proxectos) mostra da súa capacidade creadora, sempre intentando integrar a súa obra no espazo natural no que se sitúa. As opinións sobre o resultado son de todo tipo; como din que dicimos os galegos: "depende".

Aos que non coñezades isto invitámosvos a vir, a ser posible nun día luminoso (as vistas dende a azotea da Biblioteca son espectaculares). E se non podedes vir, pero vos interesa coñecer algo sobre o noso Centro e sobre o noso Campus aquí tedes unha mostra do que se ten publicado e que podedes atopar nas nosas bibliotecas (contamos para isto coa colaboración da Sección de Acceso ó Documento desta Biblioteca).

Por certo, no programa falarán co escritor Domingo Villar, do que tamén tedes algunha obra nesta Universidade.

Que o disfrutedes!

martes, 26 de mayo de 2009

DIBRARY : A MAIOR BIBLIOTECA DIXITAL DO MUNDO

¿Será así a biblioteca do futuro?. Xa é o presente en Seul : chámase DIBRARY (National Digital Library) e é a maior biblioteca dixital do mundo.

Os seus creadores a definen como "espacio multicultural". Nela o usuario ten acceso a unha base de datos con 380.000 libros e 116.000 documentos dixitalizados. 252 terminais, zona wifi con Internet gratis para traballar con ordenadores personais, salas para seminarios dotadas de ordenadores, impresoras..., estudios de vídeo e audio onde crear e editar... En fin, un lugar para obter e crear información DIXITAL.

Vótade unha ollada neste enlace e nesta entrevista ó seu director.

domingo, 17 de mayo de 2009

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2009

A Real Academia Galega adica o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro, considerado un dos máis importantes representantes do galeguismo político e cultural.
Mercando Libros quere achegarvos á súa vida e obra a través dun documento no que recollemos as obras de e sobre Ramón Piñeiro que se atopan na Biblioteca Universitaria de Vigo.




Do mesmo xeito, recomendámosvos alguns enlaces de interés para coñecer máis sobre este importante representante e defensor da identidade galega.

- Para coñecer a súa biografía : Real Academia Galega
- Para coñecer a súa obra : Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela e Biblioteca da Fundación Penzol
- Foi director literario da Editorial Galaxia
- Fundador da Revista Grial
- Foi o primeiro director do Consello da Cultura Galega
- O Centro Ramón Piñeiro para da Investigación en Humanidades leva o seu nome.
- No Centro Social Uxío Novoneira de Lugo celébrase a máis importante das exposicións sobre a súa vida e obra "Ramón Piñeiro (1915-1990). Olladas no futuro"
- A Casa Galega da Cultura de Vigo ten habilitado un espazo coa reprodución do seu famoso gabinete da rúa Xelmirez 15 de Santiago.
- A súa voz pode escoitarse a través do Arquivo Sonoro de Galicia.
- O seu "correo electrónico"

E para rematar, este bonito traballo con interesantes entrevistas :




viernes, 8 de mayo de 2009

MÁIS SOBRE A RECONQUISTA DE VIGO

Continuando cos actos de conmemoración do 2º Centenario da Reconquista de Vigo, estase a celebrar na Casa Galega da Cultura o Ciclo de Conferencias "Cidades en guerra, 1808-1814: Galicia na Guerra da Independencia", organizado pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, coa colaboración do Concello de Vigo. Varias destas conferencias serán impartidas polos profesores da Universidade de Vigo: Rafael Vallejo Pousada, Luis Domínguez Castro e Gonzalo Méndez Martínez.

Os actos completaranse na Casa das Artes coa Exposición "Cidades en Guerra, 1808-1814: Vigo na Guerra da Independencia", comisariada por Rafael Vallejo e J. Francisco Fuentes, na que se dará unha visión militar, social e política deste feito histórico, mostrando máis de 170 pezas entre armas, planos, retratos, escenas de batallas, textos impresos e manuscritos...
A Biblioteca Universitaria participa nesta mostra có préstamo de dúas obras: Reseña de la Reconquista de Vigo, de F. Estrada Catoyra e Tierra de Fragoso (notas para la historia de Vigo y su comarca), de J. Espinosa Rodríguez.
Paralelamente, na Casa Galega da Cultura, e tomando o título da obra José Fernández y Neira, desenrolarase a Exposición "Proezas de Galicia : a Guerra da Independencia e a Reconquista na Biblioteca Penzol", onde poderemos ver arredor dun centenar de libros e documentos conservados na Biblioteca da Fundación Penzol, unha das máis ricas en fondo galego.
Se queredes saber máis sobre a Guerra da Independencia en Galicia remitímosvos a noso post do día 25 de abril "Reconquista de Vigo: 200 anos".