miércoles, 22 de abril de 2009

O "DÍA DO LIBRO" NO "ANO DA ASTRONOMÍA"

O Ano 2009 foi declarado pola ONU Ano Internacional da Astronomía. O 23 de abril foi declarado pola UNESCO Día do Libro. En Mercandolibros queremos unir estes dous acontecementos.

Dende tempos remotos a astronomía foi un importante tema de observación e estudo, e diso fóronnos quedando vestixios, primeiro arqueolóxicos e despois escritos. A astronomía e as materias relacionadas con ela deron lugar a múltiples publicacións; ao igual que noutras áreas científicas, o Renacemento foi especialmente prolífico; o auxe da navegación a partir do século XV obrigou ao desenvolvemento de instrumentos e sistemas de navegación que potenciaron o estudo de materias como a cartografía, xeografía, astronomía... que quedaron plasmados en interesantes libros dende os que se contribuíu á desaparición da antiga visión xeocéntrica da Terra para pasar a desenvolver as modernas teorías heliocéntricas xa formuladas en Grecia por Aristarco de Samos. E disto temos exemplos na Biblioteca Universitaria que hoxe queremos presentarvos. Dentro do fondo de facsímiles da Biblioteca inclúense algúns estudos astronómicos realizados entre os séculos XV e XVII. Curiosos libros enriquecidos con debuxos, figuras móbiles, mapas do ceo de impresionante colorido...
Se ben isto é unha pequena mostra de tratados antigos, a BUV conta cun importante fondo de astronomía e materias relacionadas. Nesta guía encontraredes diversas materias a través das que podedes encontrar tanto obras de divulgación coma manuais, obras de referencia, revistas, biografías, vídeos, obras de investigación...

Desta forma, unímonos a ambas as dúas celebracións e facemos nosa modesta contribución á difusión da astronomía coa que a Universidade de Vigo está tan comprometida, como o demostra a súa participación en proxectos nacionais como "Una Universidad, Un Universo" que, coordinado pola profesora Ana Ulla Miguel, pretende achegar este campo a todos os públicos a través de conferencias nas 77 universidades españolas.


Que teñades un bo Día do Libro!

jueves, 2 de abril de 2009

CONTOS NA BIBLIOTECA UNIVERSITARIA?

É 2 de abril. Dende 1967 nesta data celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, conmemorando así o nacemento de Hans Christian Andersen.
Hoxe Andersen cumpriría 204 anos, e dalgún xeito segue vivo.
De orixe extremadamente humilde, saíu da miseria grazas ao seu enxeño e as súas boas relacións; cantante de ópera, bailarín... quixo ser outras cousas, pero sobre todo quixo ser escritor. Publicou poesía, novela, teatro, libretos de óperas..., pero en nada destacou tanto como nos seus contos; e son estes os que hoxe aínda lle manteñen vivo. Parte da súa vida dedicouna a viaxar; relataba as súas experiencias en crónicas xornalísticas e en libros de viaxes; unha das súas dúas viaxes por España levouno a publicar a obra "En España".




Coma se dun conto se tratase, a vida foi xenerosa con el; en 1866 recibe do Rei de Dinamarca o título honorífico de Conselleiro de Estado e en 1867 foi declarado ciudano ilustre da súa cidade natal, Odense.
Hoxe en día varios premios literarios levan o seu nome e, case dous séculos despois aínda asistimos a novas edicións, adaptacións, obras de teatro, ballets, películas, xogos de ordenador, pinturas, esculturas... baseadas nas súas historias.
O seu nome transcendeu incluso o noso Planeta: en 1976 o asteroide n.º 2476 foi bautizado Andersen en honor ao escritor danés.



E Andersen, como outros moitos autores de contos, está tamén representado nas nosas bibliotecas, con edicións en distintos idiomas, traducións ó galego, adaptacións, películas...
Vedes como hai contos na Biblioteca Universitaria?.