miércoles, 30 de septiembre de 2009

RATOS OU GATOS DE BIBLIOTECA?


Acaba de chegar á Biblioteca unha obra moi especial: Dewey Lee Más Libros.
Conta a historia real, conmovedora e divertida, acontecida nunha pequena vila de Iowa, cando a bibliotecaria Vicky Myron encontra un pequeno gato alaranxado metido na caixa de correo de devolución de libros. O gato Dewey, convertido co tempo nun empregado máis da biblioteca, protagoniza as páxinas deste libro coas súas 7 vidas que sumaron máis de 19 anos entre libros, usuarios e bibliotecarios aos que adoraba e que o adoraban.

A obra, escrita pola bibliotecaria Vicki Myron, podes atopala na Biblioteca Central de Vigo.
Tamén pódeche interesar : Firmin (vida de un rato bibliófilo)
Post relacionados : O libro no libro

lunes, 21 de septiembre de 2009

BENVIDOS Ó CURSO 2009-2010





Dende o blog mercandolibros queremos dar a benvida ao curso 2009-2010 aos alumnos, PDI e PAS da Universidade de Vigo. A nosa especial benvida aos máis de 2.200 alumnos que este curso empezan 1º nalgún dos novos graos adaptados ao Plan Bolonia e a todos os que se estrean na nosa Universidade; a eles principalmente queremos presentarnos.

En mercandolibros intentamos informar sobre as últimas adquisicións e novedades bibliográficas chegadas á Sección de Adquisicións, facernos eco das actividades relacionadas co mundo do libro e as bibliotecas, buscamos tamén un espazo para o ocio e a divulgación e, sobre todo, intentamos difundir a colección da Biblioteca Universitaria e mostrarvos o que a biblioteca pode ofrecervos.
Nas diferentes bibliotecas da UVigo encontraredes todo tipo de material relacionado coas vosas áreas de estudo, dende manuais básicos ata revistas e libros electrónicos...; a biblioteca ofrece acceso a internet, a bases de datos especializadas, conexión wifi...; contamos cunha importante colección de libros sobre técnicas de estudo e elaboración de traballos que poden servos de moita utilidade.

Na Sección de Adquisicións tramitamos ás solicitudes de compra do material bibliográfico seleccionado polos profesores, tanto para a súa investigación, como o recomendado en todas as materias impartidas nas diferentes titulacións. Aproveitamos para decirvos que xa está chegando ós vosos centros a bibliografía recomendada para este curso; non deixedes de consultala. E se queredes propoñer a compra dalgún libro podedes utilizar o buzón de suxestións.



Pero, como non todo é estudo, a Biblioteca tamén cubre a parte dedicada ao ocio: ¿sabes que podes encontrar películas, música, cómics, novelas, libros de fotografía, cine, arte, informática, guías de viaxes...?.

Axudarémoste a descubrilo; e para iso contamos coas compañeiras da Sección de Referencia que organizan sesións formativas nos diferentes Centros co fin de dar a coñecer a biblioteca, os servizos e os recursos que ofrece, así como introducirvos no manexo do catálogo. Non che perdas a sesión que se organiza na túa Facultade. Infórmate.
Queremos que coñezais todo aquilo que ofrece a biblioteca que, como vedes, é moito máis que postos de lectura agradables e silenciosos.

Podedes seguirnos en twitter, coñecer o noso primeiro álbum en flickr, consultar os nosos documentos en isuu ou slideshare... e por suposto participar connosco enviando os vosos comentarios e suxestións.

Benvidos á Universidade!
Benvidos a mercandolibros!

lunes, 14 de septiembre de 2009

VOLVEMOS PARA IRNOS DE PESCA

Nestes días Vigo converterase novamente na Capital Mundial da Pesca coa celebración da World Fishing Exhibition (WFE) que este ano incorpora a Aquafarming 2009, adicada á acuicultura.

Vigo, porto pesqueiro de importancia mundial, arredor de cuxa actividade xurdiu un importante entramado de empresas relacionadas co sector naval, o comercio pesqueiro, a distribución, as conservas... é sede tamén de importantes institucións relacionadas coa investigación mariña: o Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía ou o Instituto de Investigacións Mariñas, do CSIC son unha mostra disto. E por suposto, a Universidade.

A Universidade de Vigo non é allea nin a este encontro mundial nin á investigación neste campo. Na Facultade de Ciencias do Mar, coa súa xa veterana licenciatura e o seu recén estreado Grao en Ciencias do Mar se forman os futuros oceanógrafos encargados da xestión, ordenamento e explotación dos recursos mariños. O Máster en Acuicultura e o Máster en economía, avaliación e xestión do medio mariño e os recursos mariños axudan á formación destes especialistas.



Se ben a Universidade xa tiña asinados convenios de colaboración coa WFE, nesta ocasión estará presente a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), contando cun posto en Aquafarming, onde se poderá coñecer a oferta científico-tecnolóxica da UVigo en acuicultura.

E dende a Biblioteca ofrecemos unha ampla selección de recursos para a aprendizaxe e a investigación nestes campos: na nosa colección bibliográfica, a pesca, a acuicultura e as materias relacionadas están amplamente representadas con obras que van dende interesantes estudos históricos ata as últimas investigacións publicadas en revistas especializadas. A través das bases de datos especializadas en ciencias mariñas e en acuicultura e a través do metabuscador Pórtico tedes acceso a múltiples recursos sobre estes temas.

E por certo, aproveita e achégate á recén estreada Biblioteca de Ciencias.
(A foto do Porto é de Pacheco)