miércoles, 22 de abril de 2009

O "DÍA DO LIBRO" NO "ANO DA ASTRONOMÍA"

O Ano 2009 foi declarado pola ONU Ano Internacional da Astronomía. O 23 de abril foi declarado pola UNESCO Día do Libro. En Mercandolibros queremos unir estes dous acontecementos.

Dende tempos remotos a astronomía foi un importante tema de observación e estudo, e diso fóronnos quedando vestixios, primeiro arqueolóxicos e despois escritos. A astronomía e as materias relacionadas con ela deron lugar a múltiples publicacións; ao igual que noutras áreas científicas, o Renacemento foi especialmente prolífico; o auxe da navegación a partir do século XV obrigou ao desenvolvemento de instrumentos e sistemas de navegación que potenciaron o estudo de materias como a cartografía, xeografía, astronomía... que quedaron plasmados en interesantes libros dende os que se contribuíu á desaparición da antiga visión xeocéntrica da Terra para pasar a desenvolver as modernas teorías heliocéntricas xa formuladas en Grecia por Aristarco de Samos. E disto temos exemplos na Biblioteca Universitaria que hoxe queremos presentarvos. Dentro do fondo de facsímiles da Biblioteca inclúense algúns estudos astronómicos realizados entre os séculos XV e XVII. Curiosos libros enriquecidos con debuxos, figuras móbiles, mapas do ceo de impresionante colorido...
Se ben isto é unha pequena mostra de tratados antigos, a BUV conta cun importante fondo de astronomía e materias relacionadas. Nesta guía encontraredes diversas materias a través das que podedes encontrar tanto obras de divulgación coma manuais, obras de referencia, revistas, biografías, vídeos, obras de investigación...

Desta forma, unímonos a ambas as dúas celebracións e facemos nosa modesta contribución á difusión da astronomía coa que a Universidade de Vigo está tan comprometida, como o demostra a súa participación en proxectos nacionais como "Una Universidad, Un Universo" que, coordinado pola profesora Ana Ulla Miguel, pretende achegar este campo a todos os públicos a través de conferencias nas 77 universidades españolas.


Que teñades un bo Día do Libro!

jueves, 2 de abril de 2009

CONTOS NA BIBLIOTECA UNIVERSITARIA?

É 2 de abril. Dende 1967 nesta data celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, conmemorando así o nacemento de Hans Christian Andersen.
Hoxe Andersen cumpriría 204 anos, e dalgún xeito segue vivo.
De orixe extremadamente humilde, saíu da miseria grazas ao seu enxeño e as súas boas relacións; cantante de ópera, bailarín... quixo ser outras cousas, pero sobre todo quixo ser escritor. Publicou poesía, novela, teatro, libretos de óperas..., pero en nada destacou tanto como nos seus contos; e son estes os que hoxe aínda lle manteñen vivo. Parte da súa vida dedicouna a viaxar; relataba as súas experiencias en crónicas xornalísticas e en libros de viaxes; unha das súas dúas viaxes por España levouno a publicar a obra "En España".




Coma se dun conto se tratase, a vida foi xenerosa con el; en 1866 recibe do Rei de Dinamarca o título honorífico de Conselleiro de Estado e en 1867 foi declarado ciudano ilustre da súa cidade natal, Odense.
Hoxe en día varios premios literarios levan o seu nome e, case dous séculos despois aínda asistimos a novas edicións, adaptacións, obras de teatro, ballets, películas, xogos de ordenador, pinturas, esculturas... baseadas nas súas historias.
O seu nome transcendeu incluso o noso Planeta: en 1976 o asteroide n.º 2476 foi bautizado Andersen en honor ao escritor danés.



E Andersen, como outros moitos autores de contos, está tamén representado nas nosas bibliotecas, con edicións en distintos idiomas, traducións ó galego, adaptacións, películas...
Vedes como hai contos na Biblioteca Universitaria?.

miércoles, 25 de marzo de 2009

RECONQUISTA DE VIGO : 200 ANOS

O sábado 28 de Marzo Vigo celebra os 200 anos da súa Reconquista. O Día da Reconquista, de longa tradición en Vigo, adquire este ano unha especial importancia ó celebrarse o Bicentenario da azaña dos vigueses contra as tropas francesas. O Concello de Vigo e a Asociación Veciñal Casco Vello teñen preparados varios eventos, como exposicións, representacións... Na páxina web reconquistadevigo.com hai abundante información sobre a historia e as actividades que se desenvolverán nestes días.
A Biblioteca Universitaria conta cun pequeno fondo sobre a Guerra da Independencia en Vigo que se pode completar, entre outras, coa abundante documentación depositada na Biblioteca Penzol de Vigo ou no Arquivo Municipal.

Por outra banda, unha ampla información sobre a Guerra da Independencia en Galicia, que inclue tanto monografías como artigos de revistas, atópase no Catálogo Galicia da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela.

O feito da celebración do Bicentenario animou a moitas institucións a facerse eco deste acontecemento ; a Biblioteca Nacional elaborou unha completa páxina de recursos onde se pode atopar a Guerra da Independencia en diversos ámbitos coma o cine, a literatura, a arte, internet...

A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, xunto có Ministerio de Defensa, súmanse a esta conmemoración cunha páxina web que recolle numerosas testemuñas escritas sobre o período de 1808 a 1814.

¡Vémonos na rúa!

martes, 17 de marzo de 2009

Recomendacións

Recomendamos a lectura de dous artigos sobre o mundo do libro e os bibliotecarios. O primeiro fala dos cambios que están a acontecer no mundo do libro e o segundo, sobre o que chaman bibliotecarios do S. XXI.

El hombre desciende del libro

Nuevos bibliotecarios para la era digital

martes, 10 de marzo de 2009

A BIBLIOTECA UNIVERSITARIA COAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS


A Biblioteca Central da Universidade de Vigo é a encargada de xestionar todo o material bibliográfico que chega ós diferentes centros do Campus de Vigo. Na Biblioteca ingresan diariamente gran número de obras non só a través de compra, senón tamén a través de doazóns de institucións e particulares, e tamén dos acordos de intercambio que a Universidade mantén con outras universidades e institucións españolas. Deste xeito acumúlanse moitos duplicados que a Biblioteca oferta as bibliotecas municipais da provincia. Esta iniciativa está a ter moi boa acollida por parte destas bibliotecas moitas veces con escasos presupostos, que ven a posibilidade de aumentar os seus fondos con material de interés, actual e gratuito.

A Biblioteca Universitaria cumple así unha pequena labor de difusión e cooperación coas bibliotecas do noso entorno, colaborando así na formación e información dos usuarios destes centros.

Animamos ás bibliotecas públicas que aínda non coñecen esta iniciativa se poñan en contacto con nos se están interesadas.

viernes, 6 de marzo de 2009

8 de MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Non queremos deixar pasar este día sen facer a nosa aportación. Como sabedes na Biblioteca Universitaria temos un representativo fondo sobre a muller que abarca dende libros sobre feminismo ata a muller en distinto ámbitos laborais e culturais.
De feito na Guía de bibliotecas y centros de documentación de mujeres en España do ano 1996 a Biblioteca Universitaria de Vigo aparece como un dos centros especializados nesta temática.
Na actualidade a Universidade de Vigo segue comprometida coa temática da muller. Exemplo desto é a Area de Igualdade, que nestes días ven de publicar a "Breve Guía para unha linguaxe non sexista", os grupos de Investigación como Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) ou cursos de Postgrao como o "Posgrao en estudos de xénero".
Pola súa banda, a Biblioteca Central de Pontevedra conmemora este día cunha exposición retrospectiva da Revista Andaina.
Se tés interés no tema, pásate pola biblioteca ou bótalle unha ollada a este documento onde se recopilan unha pequena selección de recursos.

miércoles, 4 de marzo de 2009

A BIBLIOTECA UNIVERSITARIA NO MAPA DAS BIBLIOTECAS 2.0 DE ESPAÑA

Por iniciativa de Nieves González, impulsora dos blogs da Universidade de Sevilla, estase a elaborar o Mapa de bibliotecas 2.0 de España. Trátase de incluir nesta mapa calquera iniciativa que teña que ver con algunha das ferramentas da web 2.0 : blogs, wikis, chats, etiquetado, RSS, arquivos en YouTube, SlideShare, Twitter, Flickr ... e a presenza nas redes sociais (MySpace, Facebook).
Pouco a pouco este mapa vaise enchendo. As bibliotecas da Universidade de Vigo xa están presentes : blogs, wikis, twitter, slideshare, flickr, rss... xa no son ferramentas alleas e ahí estamos, poñendo o noso gran de area nesta cada vez máis grande comunidade.


Ver mapa más grande