
Dende tempos remotos a astronomía foi un importante tema de observación e estudo, e diso fóronnos quedando vestixios, primeiro arqueolóxicos e despois escritos. A astronomía e as materias relacionadas con ela deron lugar a múltiples publicacións; ao igual que noutras áreas científicas, o Renacemento foi especialmente prolífico; o auxe da navegación a partir do século XV obrigou ao desenvolvemento de instrumentos e sistemas de navegación que potenciaron o estudo de materias como a cartografía, xeografía, astronomía... que quedaron plasmados en interesantes libros dende os que se contribuíu á desaparición da antiga visión xeocéntrica da Terra para pasar a desenvolver as modernas teorías heliocéntricas xa formuladas en Grecia por Aristarco de Samos. E disto temos exemplos na Biblioteca Universitaria que hoxe queremos presentarvos. Dentro do fondo de facsímiles da Biblioteca inclúense algúns estudos astronómicos realizados entre os séculos XV e XVII. Curiosos libros enriquecidos con debuxos, figuras móbiles, mapas do ceo de impresionante colorido...
Se ben isto é unha pequena mostra de tratados antigos, a BUV conta cun importante fondo de astronomía e materias relacionadas. Nesta guía encontraredes diversas materias a través das que podedes encontrar tanto obras de divulgación coma manuais, obras de referencia, revistas, biografías, vídeos, obras de investigación...
Desta forma, unímonos a ambas as dúas celebracións e facemos nosa modesta contribución á difusión da astronomía coa que a Universidade de Vigo está tan comprometida, como o demostra a súa participación en proxectos nacionais como "Una Universidad, Un Universo" que, coordinado pola profesora Ana Ulla Miguel, pretende achegar este campo a todos os públicos a través de conferencias nas 77 universidades españolas.
Que teñades un bo Día do Libro!