Mostrando entradas con la etiqueta exposicións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta exposicións. Mostrar todas las entradas

viernes, 8 de mayo de 2009

MÁIS SOBRE A RECONQUISTA DE VIGO

Continuando cos actos de conmemoración do 2º Centenario da Reconquista de Vigo, estase a celebrar na Casa Galega da Cultura o Ciclo de Conferencias "Cidades en guerra, 1808-1814: Galicia na Guerra da Independencia", organizado pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, coa colaboración do Concello de Vigo. Varias destas conferencias serán impartidas polos profesores da Universidade de Vigo: Rafael Vallejo Pousada, Luis Domínguez Castro e Gonzalo Méndez Martínez.

Os actos completaranse na Casa das Artes coa Exposición "Cidades en Guerra, 1808-1814: Vigo na Guerra da Independencia", comisariada por Rafael Vallejo e J. Francisco Fuentes, na que se dará unha visión militar, social e política deste feito histórico, mostrando máis de 170 pezas entre armas, planos, retratos, escenas de batallas, textos impresos e manuscritos...
A Biblioteca Universitaria participa nesta mostra có préstamo de dúas obras: Reseña de la Reconquista de Vigo, de F. Estrada Catoyra e Tierra de Fragoso (notas para la historia de Vigo y su comarca), de J. Espinosa Rodríguez.
Paralelamente, na Casa Galega da Cultura, e tomando o título da obra José Fernández y Neira, desenrolarase a Exposición "Proezas de Galicia : a Guerra da Independencia e a Reconquista na Biblioteca Penzol", onde poderemos ver arredor dun centenar de libros e documentos conservados na Biblioteca da Fundación Penzol, unha das máis ricas en fondo galego.
Se queredes saber máis sobre a Guerra da Independencia en Galicia remitímosvos a noso post do día 25 de abril "Reconquista de Vigo: 200 anos".

miércoles, 17 de diciembre de 2008

ILUMINADOS

Ata xuño de 2009 temos a oportunidade de ver no Museo Verbum de Vigo unha interesante exposición que nos introduce no mundo dos scriptoria dos mosteiros medievais. A exposición Scriptorium Verbumiense : a palabra convertida en arte, móstranos como se copiaban, iluminaban e encuadernaban os códices que hoxe xa ten a categoría de obras de arte.
A mostra percorre as diferentes fases de elaboración, ensinándonos os instrumentos, os materiais, e as técnicas empregadas polos monxes, verdadeiros transmisores da cultura ó través destas obras.
Ainda que non é fácil acceder a un orixinal destas xoias, hoxe en día consíguense edicións facsímiles que as reproducen á perfección, non só na tipografía, as cores, a iluminación..., senón na textura e mesmo no olor da obra orixinal.
A Biblioteca Universitaria de Vigo conta con algunha destas reproducións, que vos ensinamos neste documento:


A maioría destas obras, polo seu valor, aínda que están a disposición de tódolos usuarios, teñen normas de consulta especiais, entre outras cousas para evitar situacións coma esta...


martes, 25 de noviembre de 2008

EDITAR EN GALEGO BAIXO A CENSURA FRANQUISTA

Fomentar a idea da inferioridade da língua galega, desterrándoa ó lírico, ó folklórico, ó humorístico... era unha das prioridades da censura que durante o Franquismo atacou tamén á literatura galega.
A Mostra “Editar en galego baixo a censura franquista” comisariada polo profesor desta Universidade Xosé Manuel Dasilva, dai conta das dificultades para publicar en Galicia e en galego durante este longo período de tempo.
A través da exposición de exemplares das obras censuradas e mesmo dos informes dos censores, podemos coñecer as principais preocupacións do réxime : o pensamento político, a doutrina católica e a moral sexual. Exemplos destas amputacións poden verse en “Longa noite de pedra” de Celso E. Ferreiro, “Xente ao lonxe” de Blanco Amor, considerada “grosera y obscena”, “O Divino sainete” da que se dí que “es una colección de blasfemias” “su autor ha merecido la más rotunda excomunión pública”, ou mesmo a “Obra completa” de Ramón Cabanillas cuxa publicación só se permitiría coa eliminación de 25 poemas e a totalidade de “O Mariscal”.
Algunha destas obras viu finalmente a luz fora de España; outras non tiveron a mesma sorte e foron publicadas con recortes e moitas nen tan sequera saíron da imaxinación dos autores, influídos pola súa propia autocensura.
A mostra complétase con dous audiovisuais nos que Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo falan deste tema dende a súa propia experiencia.
Casa Galega da Cultura : ata 11 de xaneiro de 2009
Se queres saber mais sobre a censura no franquismo, consulta o noso Catálogo

jueves, 9 de octubre de 2008

CARTOGRAFÍA DE GALICIA

Nestes momentos estanse a celebrar en Santiago dúas importantes mostras de cartografía galega. "Innovación e territorio : o legado de Fontán ao seculo XXI" é o nome da exposición que pode verse no Pazo de Fonseca e percorre o traballo de Domingo Fontán. Este xeógrafo e matemático galego, nacido en Portas (Pontevedra) en 1788, autor do "Mapa xeométrico de Galicia", tivo tamén un papel decisivo no preito pola capitalidade da provincia en pro da cidade de Pontevedra. Moita da documentación e obxetos de Domingo Fontán forman parte da colección do Museo de Pontevedra, destacando un exemplar orixinal do Mapa xeométrico, obra de referencia na cartografía galega; aínda que non se permite a consulta do orixinal, pódese acceder a un exemplar facsímil.

Por outra banda, no Arquivo do Reino de Galicia, atópase a mostra "Instantes do mundo: cartografía antiga de Galicia" na que se recolle unha selección de mapas de Galicia que forman parte da Colección Martínez-Barbeito, conservada neste Arquivo.
Carlos Martínez-Barbeito escritor nacido na Coruña en 1913, que ó longo da súa vida fixo unha colección de libros, folletos, e impresos referentes a Galicia que, co tempo, chegou a ser unha das máis importantes do país.

Para máis información sobre cartografía de Galicia ou calquera destes dous autores, consulta o catálogo da Biblioteca Universitaria.