Nestes momentos estanse a celebrar en Santiago dúas importantes mostras de
cartografía galega.
"Innovación e territorio : o legado de Fontán ao seculo XXI" é o nome da exposición que pode verse no Pazo de Fonseca e percorre o traballo de Domingo Fontán. Este xeógrafo e matemático galego, nacido en Portas (Pontevedra) en 1788, autor do "Mapa xeométrico de Galicia", tivo tamén un papel decisivo no preito pola capitalidade da provincia en pro da cidade de Pontevedra. Moita da documentación e obxetos de Domingo Fontán forman parte da colección do Museo de Pontevedra, destacando un exemplar orixinal do Mapa xeométrico, obra de referencia na cartografía galega; aínda que non se permite a consulta do orixinal, pódese acceder a un exemplar facsímil.
Por outra banda, no Arquivo do Reino de Galicia, atópase a mostra "Instantes do mundo: cartografía antiga de Galicia" na que se recolle unha selección de mapas de Galicia que forman parte da Colección Martínez-Barbeito, conservada neste Arquivo.
Carlos Martínez-Barbeito escritor nacido na Coruña en 1913, que ó longo da súa vida fixo unha colección de libros, folletos, e impresos referentes a Galicia que, co tempo, chegou a ser unha das máis importantes do país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario