martes, 23 de diciembre de 2008

FELIZ 2009 !


- PARA OS QUE NOS COÑECEN E NOS LEN
- PARA OS QUE NOS LEN SEN COÑECERNOS
- PARA OS QUE NIN NOS COÑECEN NIN NOS LEN
- PARA OS QUE NOS COÑECEN E NON NOS LEN
- PARA OS QUE NOS LÍAN Y XA NON NOS LEN
- PARA OS QUE NOS COÑECERÁN E NOS LERÁN


Para todos eles o noso desexo de que o 2009 sexa un

GRAN ANO

SEGUIMOS MERCANDO LIBROS...?


Pois esta vez, en contra do que se vén publicando últimamente, que son novelas de gran volume, pensamos en suxerirvos aqueles libriños que polo seu tamaño son fácilmente transportables e polo seu contido non necesitan máis palabras.
Esta é a nosa selección, feita coa colaboración de compañeiras da Biblioteca:

:: Domínguez, Carlos María. La Casa de papel. Ed. Mondadori

:: Madieri, Marisa. Verde agua. Ed. Minúscula

:: Gorz, André. Carta a D. : historia de un amor. Ed. Paidós

:: Mayoral, Marina. Unha árbore, un adeus. Ed. Galaxia

:: Bennett, Alan. La ceremonia del masaje y/o Con lo puesto. Ed. Anagrama

:: Nothomb, Amélie. Estupor y temblores. Ed. Anagrama

:: Carr, James Lloyd. Un mes en el campo. Ed. Pre-Textos

Lembramosvos a dúas autoras, das que calquera das súas obras poderían estar neste listado : Margaret Atwood (Premio Príncipe de Asturias das Letras 2008) e Elena Poniatowska, nomeada recentemente Escritora Galega Universal.
Ah! e non deixedes de consultar o noso xa clásico documento "O Libro no Libro"
Que os disfrutedes!

miércoles, 17 de diciembre de 2008

ILUMINADOS

Ata xuño de 2009 temos a oportunidade de ver no Museo Verbum de Vigo unha interesante exposición que nos introduce no mundo dos scriptoria dos mosteiros medievais. A exposición Scriptorium Verbumiense : a palabra convertida en arte, móstranos como se copiaban, iluminaban e encuadernaban os códices que hoxe xa ten a categoría de obras de arte.
A mostra percorre as diferentes fases de elaboración, ensinándonos os instrumentos, os materiais, e as técnicas empregadas polos monxes, verdadeiros transmisores da cultura ó través destas obras.
Ainda que non é fácil acceder a un orixinal destas xoias, hoxe en día consíguense edicións facsímiles que as reproducen á perfección, non só na tipografía, as cores, a iluminación..., senón na textura e mesmo no olor da obra orixinal.
A Biblioteca Universitaria de Vigo conta con algunha destas reproducións, que vos ensinamos neste documento:


A maioría destas obras, polo seu valor, aínda que están a disposición de tódolos usuarios, teñen normas de consulta especiais, entre outras cousas para evitar situacións coma esta...


CINE E MATEMÁTICAS

No seu afán de difundir as matemáticas, os profesores Miguel Ángel Mirás Calvo e Carmen Quinteiro Sandomingo, fixéronnos chegar unha interesante selección de películas nas que dalgún xeito, as matemáticas están presentes.
Todas as películas as que se fai referencia forman parte do fondo da Biblioteca Universitaria de Vigo.
Como lectura complementaria recoméndannos o libro "Las matemáticas en el cine", onde se fai un completo repaso de películas con contido matemático.
Cine y matemáticas
View SlideShare presentation or Upload your own. (tags: matemáticas cine)

viernes, 12 de diciembre de 2008

IMOS LER...



Polo menos, poderíamos paliar a crise mercando un libro ou dous... Así, se queres ler máis e/ou regalar lectura, ahí van as nosas suxestións :

- Para amantes da novela negra : proba a ler algo de Fred Vargas, Camilleri ou Mankel (estes últimos teñen novos títulos).
- Para os que disfrutaron con "Los Hombres que no amaban a las mujeres" de Stieg Larsson: xa está aquí a segunda parte da Triloxia Millenium, cun título moi suxerente : "La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina".
- Para os amantes do subcontinente indio, unha novela que está a crear moita polémica neste país pola súa visión crítica : "Tigre blanco" de Aravind Adiga.
- E para terminar, un autor australiano pouco coñecido de momento para nós, pero autor de moda no seu país : Tim Winton coa súa novela "Música de la tierra".

E outro día ... máis.

martes, 9 de diciembre de 2008

A CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA NA UVIGO


O pasado día 6 de decembro celebrouse o 30 Aniversario da Constitución Española de 1978. Moito se ten dito e tamén escrito sobre ela neste tempo. Dende aquí, queremos sumarnos á celebración cunha pequena mostra do que os profesores da Universidade de Vigo teñen publicado sobre ela.
Sabemos que non é todo, pero non queríamos deixar pasar esta data sen falar deles e do seu traballo.
Por outra banda, a Biblioteca Universitaria tamén conta coa presenza dos "Pais da Constitución". Deste xeito podedes atopar publicacións dalgúns deles : Gabriel Cisneros, Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón, José Pedro Pérez Llorca, Manuel Fraga Iribarne, Gregorio Peces-Barba, Jordi Solé Tura, Miquel Roca i Junyent.

martes, 25 de noviembre de 2008

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER


Hoxe, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, en "Mercando libros" queremos recomendarvos unha lectura, unha película e unha canción.
Ogallá non tivéramos que lembrar iste día
"Non mais violencia contra as mulleres”

EDITAR EN GALEGO BAIXO A CENSURA FRANQUISTA

Fomentar a idea da inferioridade da língua galega, desterrándoa ó lírico, ó folklórico, ó humorístico... era unha das prioridades da censura que durante o Franquismo atacou tamén á literatura galega.
A Mostra “Editar en galego baixo a censura franquista” comisariada polo profesor desta Universidade Xosé Manuel Dasilva, dai conta das dificultades para publicar en Galicia e en galego durante este longo período de tempo.
A través da exposición de exemplares das obras censuradas e mesmo dos informes dos censores, podemos coñecer as principais preocupacións do réxime : o pensamento político, a doutrina católica e a moral sexual. Exemplos destas amputacións poden verse en “Longa noite de pedra” de Celso E. Ferreiro, “Xente ao lonxe” de Blanco Amor, considerada “grosera y obscena”, “O Divino sainete” da que se dí que “es una colección de blasfemias” “su autor ha merecido la más rotunda excomunión pública”, ou mesmo a “Obra completa” de Ramón Cabanillas cuxa publicación só se permitiría coa eliminación de 25 poemas e a totalidade de “O Mariscal”.
Algunha destas obras viu finalmente a luz fora de España; outras non tiveron a mesma sorte e foron publicadas con recortes e moitas nen tan sequera saíron da imaxinación dos autores, influídos pola súa propia autocensura.
A mostra complétase con dous audiovisuais nos que Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo falan deste tema dende a súa propia experiencia.
Casa Galega da Cultura : ata 11 de xaneiro de 2009
Se queres saber mais sobre a censura no franquismo, consulta o noso Catálogo

martes, 18 de noviembre de 2008

SEMANA DA CIENCIA 2008

Estase a celebrar a Semana da Ciencia, evento de carácter europeo que, coordinado en Galicia pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración con FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), conta coa participación de numerosas entidades e organismos entre os que é parte moi activa a Universidade de Vigo.
Son numerosas as actividades organizadas (exposicións, charlas, teatro, obradoiros...), todas elas coa finalidade de achegar á ciencia a todo tipo de público da forma máis lúdica e didáctica posible.
Dende Mercando libros queremos facer a nosa pequena aportación a esta iniciativa.
Difundir a colección da Biblioteca Universitaria é un dos fins deste blog; hoxe queremos facer unha pequena homenaxe ás mulleres científicas e ao seu papel na historia da ciencia, durante tanto tempo silenciado nun mundo prácticamente reservado ós homes.
Neste documento (Visualizar como libro) poderedes atopar os fondos bibliográficos da Biblioteca Universitaria de Vigo adicados ós estudos sobre as mulleres e a súa contribución ó mundo da ciencia dende tempos remotos ata os nosos días, incluíndo biografías dalgunha dela como a matemática Hypatia de Alejandría ou a Premio Nóbel Marie Curie, pasando pola xenetista Barbara McClintock entre outras.
Todas elas son un exemplo de loita e pasión pola ciencia; como elas, hoxe en día moitas mulleres adicanse ós estudos científicos e técnicos e as súas aportacións son fundamentais nos avances da actual ciencia e tecnología.
Vai por elas!

miércoles, 5 de noviembre de 2008

NOVO ANDEL PARA A BIBLIOGRAFÍA PROFESIONAL

Puxemos ó día o listado de novidades da Bibliografía Profesional. Bótadelle unha ollada á nova estantería picando en Bibliografía para bibliotecarios... a ver que vos parece.

martes, 28 de octubre de 2008

PRIMEIROS DIARIOS GALEGOS

Nestes días presentouse a obra "Primeiros diarios galegos (1808-1809) ", editada polo Consello da Cultura Galega, baixo a coordinación de Santiago Xosé López García e Rosa Aneiros Díaz. Esta obra estudia e reproduce os primeiros diarios aparecidos en Galicia ó pouco de iniciarse a invasión francesa, coa intención de informar sobre a evolución da guerra e animar ó combate.



Entidades galegas como o Consello da Cultura Galega ou o Centro Ramón Piñeiro están a ter a iniciativa de realizar edicións facsímiles da prensa histórica galega, achegando así ós investigadores, e ó público en xeral, un material de moi difícil acceso.


A Biblioteca Universitaria conta cun gran número destas obras; a Sección de Hemeroteca elaborou un listado no que se inclue dende "El Catón Compostelano", considerado o primeiro xornal galego, ata "La Ilustración gallega y asturiana", pasando diversas publicacións de galegos en América e outras moitas (Ver listado).

Dixitalización

Pero a prensa histórica estase achegando moito máis; as novas tecnoloxías permiten que coleccións incompletas ou dispersas, exemplares únicos ou en mal estado, estén sendo dixitalizados para preservar e difundir un material bibliográfico de temática variada, que abarca un amplo período histórico, e que pola súa propia natureza e a súa abundante consulta, é fácilmente degradable. A Biblioteca Universitaria dispón de edicións completas en CD dos diarios Faro de Vigo e Pueblo gallego. O diario La Voz de Galicia está dispoñible dende o ano 1968.

Un dos recursos informativos máis solicitados, reservado en ocasións só a determinados investigadores, hoxe, grazas a ambiciosos proxectos cooperativos, está ó alcance de todos nós dende noso ordenador.

Estes son algúns exemplos :

Aínda queda camiño por andar, pero vamos a bo ritmo, e aí está Google có seu macro proxecto de "Gran Hemeroteca Mundial"; a súa intención é incluir a dixitalización, indización e acceso on line de toda a prensa dos últimos douscentos anos; polo de agora están accesibles, a través de Google News, o New York Times e o Washington Post.

viernes, 24 de octubre de 2008

AMPLIAMOS "O LIBRO NO LIBRO"


Dende hoxe o noso libro "O libro no libro" ten máis páxinas. Grazas á vosa colaboración engadimos novos títulos de novelas que tratan de libros, bibliotecas, lectores, etc.

Invitámosvos a botarlle unha ollada; ó mellor atopades algo interesante para ler esta fin de semana ...


Que o disfrutedes!

miércoles, 22 de octubre de 2008

NOVO FORMULARIO PARA A BIBLIOGRAFÍA RECOMENDADA

Tódolos anos a Biblioteca Universitaria revisa e actualiza a bibliografía recomendada polos profesores para as distintas materias que se imparten nos centros. A Sección de Adquisicións encárgase de mercar as novas incorporacións ós programas, novas edicións, etc., tentando sempre que haxa un número de exemplares axeitado. Por outra banda, a Sección de Proceso Técnico elabora os enlaces ó catálogo que permiten consultar a bibliografía recomendada por asignatura e profesor actualizada cada curso.


Hoxe presentámosvos un novo formulario dende donde o profesorado poderá actualizar a súa bibliografía recomendada, incorporando novos títulos, ou eliminando aqueles que considere oportuno. Deste xeito, calquera título que apareza ó longo do curso, ou que quedara pendente de incorporar no programa da materia, poderá ser solicitado a través desta canle.

A actualización da bibliografía recomendada faise revisando un por un cada programa de tódalas materias, polo que o proceso é lento, e os libros ás veces non están a disposición do alumnado a principios do curso, como sería desexable. Este novo formulario permitirá que os profesores nos acheguedes as novedades dos vosos programas dun xeito áxil, permitindo unha xestión máis eficaz.

Por último, lembrar que esperamos as vosas suxestións para calquera mellora ou comentario que queirades facernos chegar.

lunes, 20 de octubre de 2008

PAUL KRUGMAN, NOBEL DE ECONOMÍA 2008

A pasada semana deuse a coñecer o nome do Premio Nobel de Economía 2008, Paul Krugman.

Krugman, doctorado pola MIT en 1977, foi profesor en Yale, Stanford, MIT e actualmente en Princeton. Xa no ano 2004 recibira o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais.

Gran crítico co Goberno Bush e firme defensor do sistema sanitario público, estase a mostrar contrario á candidatura de McCain por considerala falta de propostas económicas.

Krugman é un gran experto en mercado internacional e o seu premio xustifícase pola "súa análise sobre os patróns comerciais e a localización da actividade económica".

A súa obra International economics : theory and policy, é texto habitual nas universidades americanas.

Tamén é ben coñecido entre os nosos estudantes, posto que este título e outros moitos forman parte do fondo da Biblioteca Universitaria e mesmo os seus textos son bibliografía recomendada nas titulacións de LADE, Economía e Dereito Económico.

Podemos achegarnos á súa faceta como columnista a través das súas colaboracións no New York Times, algunhas publicadas polo diario El País. Ademáis manten un moi interesante e activo blog : The Conscience of a Liberal

viernes, 17 de octubre de 2008

O LIBRO EN GALICIA NO ANO 2007


A Federación de Gremios de Editores de España ven de publicar os datos correspondentes ó comercio interior do libro no ano 2007. Como en anos anteriores, confírmase unha tendencia de crecemento do sector en xeral, que en Galicia establécese por riba da media.

Se falamos de materias, os datos novamente indican, que a literatura está moi por diante doutras disciplinas. Dentro da literatura, o xénero da literatura infantil e xuvenil revela o máis importante crecemento. Os noso fillos len máis. Á literatura infantil e xuvenil, séguelle a literatura en xeral e por detrás desta, o libro de texto non universitario.

Lonxe do que podemos supoñer, a venda de libros segue a ser maioritariamente a través das librarías, aumentando incluso a porcentaxe respecto as grandes superficies ou outras canles, mesmo internet.

A presenza do libro electrónico é cada vez mais importante en todo o territorio nacional; se no 2001 a edición multimedia acadaba o 2'9% da producción total, no 2007 esta chega ó 9'1%, facéndose cada vez máis presente na sociedade.

Pola nosa banda, podemos suliñar, que a Biblioteca Universitaria de Vigo ingresou nos seus fondos ó longo do ano 2007 ao redor de 520 libros en galego, na súa maioría obras literarias.

martes, 14 de octubre de 2008

Ramiro Fonte



O pasado sábado faleceu en Barcelona o escritor galego Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957).

Poeta, académico da RAG, director do Instituto Cervantes de Lisboa, é coñecido sobre todo, pola súa obra poética coa que acadou numerosos premios, entre outros, o Pedrón de Ouro, Premio da Crítica de Galicia, Premio da Crítica española, ou o Miguel González Garcés.

Autor tamén de novelas sendo a máis recente "As pontes no ceo" (2007), que pecha a triloxía "Vidas de infancia"

Son moitas as mostras de recoñecemento que se están a dar estes días. Dende aquí queremos destacar a amplia información que o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, nos da no seu blog Brétemas.

viernes, 10 de octubre de 2008

Os libros na prensa

Esta semana destacamos dúas novas sobre o mundo dos libros.

Se queres presumir de ser lector sin ter que ler, ou se es lector e che enganchan as novas tecnoloxías, bótalle unha ollada a ...




Blogs na Uvigo

Dende Ciencias nos falan dunha iniciativa que queremos compartir con vós. As profesoras Rosa Álvarez e Encarnación de Miguel Villegas manteñen dende fai algún tempo dous interesantes blogs sobre o mundo da ciencia, libros e cine. Unha estupenda iniciativa para achegarnos á ciencia dun xeito entretido e accesible, a través de películas e obras de divulgación.

jueves, 9 de octubre de 2008

XA TEMOS NOBEL DE LITERATURA

O escritor francés Jean-Marie Gustave Le Clezio foi distinguido hoxe co Premio Nobel de Literatura 2008. Entre a súa producción literaria atópanse contos, novelas, ensaios e traducións da mitoloxía india.
A Biblioteca dispón, entre outras, dunha traducción ó galego da súa obra "Mondo e outras historias"

Se o queres ler, consulta o noso catálogo

CARTOGRAFÍA DE GALICIA

Nestes momentos estanse a celebrar en Santiago dúas importantes mostras de cartografía galega. "Innovación e territorio : o legado de Fontán ao seculo XXI" é o nome da exposición que pode verse no Pazo de Fonseca e percorre o traballo de Domingo Fontán. Este xeógrafo e matemático galego, nacido en Portas (Pontevedra) en 1788, autor do "Mapa xeométrico de Galicia", tivo tamén un papel decisivo no preito pola capitalidade da provincia en pro da cidade de Pontevedra. Moita da documentación e obxetos de Domingo Fontán forman parte da colección do Museo de Pontevedra, destacando un exemplar orixinal do Mapa xeométrico, obra de referencia na cartografía galega; aínda que non se permite a consulta do orixinal, pódese acceder a un exemplar facsímil.

Por outra banda, no Arquivo do Reino de Galicia, atópase a mostra "Instantes do mundo: cartografía antiga de Galicia" na que se recolle unha selección de mapas de Galicia que forman parte da Colección Martínez-Barbeito, conservada neste Arquivo.
Carlos Martínez-Barbeito escritor nacido na Coruña en 1913, que ó longo da súa vida fixo unha colección de libros, folletos, e impresos referentes a Galicia que, co tempo, chegou a ser unha das máis importantes do país.

Para máis información sobre cartografía de Galicia ou calquera destes dous autores, consulta o catálogo da Biblioteca Universitaria.




jueves, 2 de octubre de 2008

Novo Dicionario CLUVI (Inglés-galego)


Acábase de presentar a 2ª ed. do Dicionario CLUVI inglés-galego elaborado polo Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, baixo a coordinación do Prof. Xavier Gómez Guinovart.


Destaca como novidade a súa elaboración a partir dun corpus de traducións de textos inglés-galegos de 10 millons de palabras.


Anúnciase a súa publicación en papel para finais deste ano.

miércoles, 1 de octubre de 2008

Agradecemento

Aínda que estamos empezando, non podemos deixar de agradecer os vosos primeiros comentarios tanto a través do blog como persoais, que nos confirma que entendedes a intención desta iniciativa.
E como este é o propósito do blog, queremos dar resposta á primeira das suxestións que nos facedes chegar.
Xa hai tempo que nos demos conta de que o formulario de solicitude de adquisicións do PDI, non resulta cómodo nin axeitado, polo que estamos traballando para melloralo e podemos anunciar que nos próximos días estará á vosa disposición un novo formulario no que poderedes incluir varios títulos sen necesidade de repetir datos. Esperamos que así se resolva esta "asignatura pendente".
Aproveitamos tamen para comunicarvos que pronto estará dispoñible un novo formulario para a solicitude de Bibliografía recomendada. Manterémosvos informados

martes, 30 de septiembre de 2008

Galicia no cine


Estamos de noraboa.

Galicia triunfa no cine : unha produción galega e unha película rodada en Galicia están sendo noticia estes últimos días.

Pradolongo do director galego Ignacio Vilar, gaña o premio "Cidade de San Sebastián Film Comission" que se otorga no marco do Festival de San Sebastián. A película, rodada en Valdeorras, competía cunha selección da mellor cinematografía española recente.

Por outra banda, a película Los girasoles ciegos do director José Luis Cuerda, ven de ser seleccionada para competir pola nominación á categoría de Mellor película extranxeira nos Oscar de Hollywood.

Na Biblioteca tamén temos un espazo para o cine. Neste caso contamos cunha representación do cine de ámbolos dous directores.

No noso catálogo atoparedes as referencias das seguintes películas do director Ignacio Vilar :



Polo que se refire a José Luis Cuerda dispoñemos de exemplares das seguintes películas:

Non esquezamos que moitas destas películas están baseadas en obras literarias. Por exemplo, Los girasoles ciegos, baseada na novela do mesmo título do escritor Alberto Méndez, El bosque animado adaptación da novela de Wenceslao Fernández Florez, La lengua de las mariposas sobre a obra de Manuel Rivas Qué me queres amor. Todos estes títulos atopanse na Biblioteca Universitaria ; consulta o noso catálogo.
Pero hoxe, o cine aínda está de luto pola morte de Paul Newman ..."Se apagó el azul".

jueves, 25 de septiembre de 2008

Benvidos

O persoal da Sección de Adquisicións dámosvos a benvida a este curso 2008/2009.

Iniciamos esta nova andaina coa ilusión de que alumnos, profesores e demais persoal, nos teñades en conta para os vosos estudos, investigacións, traballo... no voso día a día.


Lembrade que dende aquí atendemos as suxestións de compra, facemos o seguimento dos pedidos e informamos de calquera dúbida que poida xurdir na tramitación das solicitudes ou estado do orzamento. Tentaremos informar sobre novedades editoriais, publicacións da Universidade e achegarvos a información que recibimos dos nosos libreiros. Así mesmo aquí xestionamos as doazóns que chegan ós diferentes centros e as publicacións doutras universidades e institucións que chegan por acordo de intercambio a través do Servizo de Publicacións.

Para calquera cuestión que se vos plantexe non deixedes de poñervos en contacto con nos.

Un saúdo dende Mercando libros ... e que teñades un bo curso.

miércoles, 24 de septiembre de 2008

"Mercando libros" despega


Aproveitando o inicio do curso 2008/2009, lanzámonos á blogosfera, e facémolo co ánimo de crear un espazo de achegamento ós nosos usuarios.

"Mercando libros" tentará ser unha canle de comunicación máis áxil e accesible entre a Sección de Adquisicións e a comunidade universitaria.

Dende aquí tentaremos, entre outras cousas:

- Difundir a colección da Biblioteca.
- Informar sobre as últimas adquisicións e novedades bibliográficas.
- Facernos eco das actividades relacionadas co mundo do libro, buscando tamén un espazo para o ocio e a divulgación.

Animámosvos a empregar esta vía para poñervos en contacto coa nosa Sección, tanto para solicitar a compra dun libro, coma para facernos chegar as vosas suxestións, comentarios e propostas de novos contidos, de xeito que este espazo se vaia construindo entre tod@s.