A Mostra “Editar en galego baixo a censura franquista” comisariada polo profesor desta Universidade Xosé Manuel Dasilva, dai conta das dificultades para publicar en Galicia e en galego durante este longo período de tempo.
A través da exposición de exemplares das obras censuradas e mesmo dos informes dos censores, podemos coñecer as principais preocupacións do réxime : o pensamento político, a doutrina católica e a moral sexual. Exemplos destas amputacións poden verse en “Longa noite de pedra” de Celso E. Ferreiro, “Xente ao lonxe” de Blanco Amor, considerada “grosera y obscena”, “O Divino sainete” da que se dí que “es una colección de blasfemias” “su autor ha merecido la más rotunda excomunión pública”, ou mesmo a “Obra completa” de Ramón Cabanillas cuxa publicación só se permitiría coa eliminación de 25 poemas e a totalidade de “O Mariscal”.
Algunha destas obras viu finalmente a luz fora de España; outras non tiveron a mesma sorte e foron publicadas con recortes e moitas nen tan sequera saíron da imaxinación dos autores, influídos pola súa propia autocensura.
A mostra complétase con dous audiovisuais nos que Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo falan deste tema dende a súa propia experiencia.
Casa Galega da Cultura : ata 11 de xaneiro de 2009
Se queres saber mais sobre a censura no franquismo, consulta o noso Catálogo
1 comentario:
Interesantísimo! Grazas
Publicar un comentario