lunes, 14 de septiembre de 2009

VOLVEMOS PARA IRNOS DE PESCA

Nestes días Vigo converterase novamente na Capital Mundial da Pesca coa celebración da World Fishing Exhibition (WFE) que este ano incorpora a Aquafarming 2009, adicada á acuicultura.

Vigo, porto pesqueiro de importancia mundial, arredor de cuxa actividade xurdiu un importante entramado de empresas relacionadas co sector naval, o comercio pesqueiro, a distribución, as conservas... é sede tamén de importantes institucións relacionadas coa investigación mariña: o Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía ou o Instituto de Investigacións Mariñas, do CSIC son unha mostra disto. E por suposto, a Universidade.

A Universidade de Vigo non é allea nin a este encontro mundial nin á investigación neste campo. Na Facultade de Ciencias do Mar, coa súa xa veterana licenciatura e o seu recén estreado Grao en Ciencias do Mar se forman os futuros oceanógrafos encargados da xestión, ordenamento e explotación dos recursos mariños. O Máster en Acuicultura e o Máster en economía, avaliación e xestión do medio mariño e os recursos mariños axudan á formación destes especialistas.



Se ben a Universidade xa tiña asinados convenios de colaboración coa WFE, nesta ocasión estará presente a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), contando cun posto en Aquafarming, onde se poderá coñecer a oferta científico-tecnolóxica da UVigo en acuicultura.

E dende a Biblioteca ofrecemos unha ampla selección de recursos para a aprendizaxe e a investigación nestes campos: na nosa colección bibliográfica, a pesca, a acuicultura e as materias relacionadas están amplamente representadas con obras que van dende interesantes estudos históricos ata as últimas investigacións publicadas en revistas especializadas. A través das bases de datos especializadas en ciencias mariñas e en acuicultura e a través do metabuscador Pórtico tedes acceso a múltiples recursos sobre estes temas.

E por certo, aproveita e achégate á recén estreada Biblioteca de Ciencias.
(A foto do Porto é de Pacheco)

No hay comentarios: